31 de out. de 2013

3 DÍAS 4 AUTOBUSES

Venres, hoxe Julius e mais eu imos cara Nkambe, quedei con el ás 12:30 para coller un coche. A nosa intención era marchar antes mais ás 10:00 chegan as tellas á obra e quero estar alí. Almorzo, ducha e preparo as cousas para marchar. Diríxome a obra e nada, chamo a Eric e dime que ata a tarde non chegarán, pois nada, teremos que aplazar a viaxe para mañá.
Vou cara o centro á tenda da irmá de Julius, coméntolle o cambio de plans e decidimos marchar mañá ás 4:00. Así que nada toca agardar, imos saudar a un rapaz que coñecera ao principio, ten un negocio no que fai copias de chaves, unha cervexiña con el e cara a casa. Alí comemos, antes da comida unha pelexa, dous tipo discutindo por unhas terras, sangre. Despois para a obra, agora si, xa temos tellas para rematar o tellado.


Temos tempo de sobra así que imos dar un paseíño e relaxar un pouco, moi preto da obra hai un sitio impresionante, grandes penedos.


Bueno, volta cara a casa e remato coa mochila, xa é noite son as 18:30, dirixímonos á casa da irmá de Julius, dormiremos alí pois quédanos máis preto da estación. Alí está o sobriño de Julius, teñen case a mesma idade, coa moza, estes si que viven ben, ten ata playstation. Marchamos cara un bar a tomar unhas cervexas, alí un espectáculo de playback, suben a bailar e facer que cantan, bastante cutre. Eu non sei como estes non están todos xordos, poñen a música a un volume... nos bares de aquí é moi difícil falar con alguén, hai que berrear. E nada voltamos cara a casa, comemos tortilla de espaguetti e a durmir, temos que erguernos ás 4 da mañá.

Sábado, 4 en pé, aínda é noite, despertamos ao sobriño de Julius para que nos acerque e di que mellor ir ás 5 que agora aínda non hai coches, xa podía telo dito onte e durmiamos mais, pequena sesta e imos aló. Subímonos no coche, imos 8 nun coche de 5 prazas, saímos ás 6:00. Parada para a pregaria, ven un pastor con nós, primeira parte do traxecto sobando, somos sardiñas enlatadas, moverse é moi difícil. Comezamos coas paradiñas, primeira en Ndop, ten que preparar a roda de reposto, estes sempre agardan ao último momento para todo. Ven unha señora connosco, garciosísima, ponse a facer ximnasia para estirar, despois de media hora por fin saímos, non, falta o pastor, a saber, agardamos e aparece nunha moto, xa podía estarse quietiño. Temos unha parte con estrada normal, é a mellor que vexo dende que cheguei ao país, mais ao rato cambia completamente, os baches habituais e sen asfalto, están a arranxala agora, mais ben a facela porque nunca estivo mellor do que está. Bueno as paradas habituais, policía, xendarmes, pises e comida, nun momento xa nos temos que baixar todos, pois o coche non pasa, aquí unha foto para que vexades o estado das estradas.


Temos que coller varios camiños paralelos pois non se pode pasar por moitas zonas, pasamos pola maior plantación de té que vin na miña vida, pregunto para mercar e dinme que non se pode, que nas tendas, pois vaia. Resulta que esto é propiedade de Lipton, e non sei a onde o mandan para o envasado.
Chegamos a Ndu e cambiamos de coche, a estrada sigue sendo malísima, control dun xendarme, ten cara de chungo, ala liada. A Julius dille que ten que poñer a foto non papel que lle deron como identificación provisional e a min que o meu visado está caducado, pfff. Explícolle que a fecha que pon é a do selo da embaixada, que na seguinte páxina pon que entrei o 15 de agosto, nada, que cabezóns son. Ademais xusto onde pon a data do selo, debaixo di que este visado caduca aos 6 meses, e aínda estou dentro do tempo, nada. Corruptos de merda, o tipo está el só baixo a sombra dunha árbore controlando nada, o único que quere é pasta, Julius quere darlle cartos, eu dígolle que non, mais non me fai caso. Se a poboación segue a permitir este tipo de cousas a situación nunca mellorará, a xente veo como algo normal, tes todo en regra e tes que pagar a un tipo que o vai gastar máis tarde en cervexas ou putas, asco me dan estes militares.
Bueno pasamos e aos 500 metros paramos, o coche non pode pasar, baixámonos todos para que pase e estropéase, ala... Estamos xa preto de Nkambe así que collemos unha moto para chegar aló, hora de chegada 13:00, 7 horas de viaxe.
Recíbenos un irmán de Julius, non recordo o nome, damos un paseíño pola vila, imos ata a casa da nai de Julius a saudala e seguimos o noso paseo, imos a visitar ao Fon, o irmán di que hai que levarlle algo, unha botella de whisky, este Fon é musulmán mais bebe e fuma... Non está, resulta que saiu, así que imos comer algo, dende onte non comimos nada, fufucorn con polo e vexetais. No restaurante dous militares, bacilando, ríndose, son o peor caenme fatal.
Dirixímonos agora cara o bar do alcalde, é tío de Julius, está ocupado así que quedamos para máis tarde, unha cervexiña e agora si imos ver ao Fon, é un home vello, está a escoitar música cubana. Pasamos á sala do trono, alí unhas fotiños e conversa, cóntolle o que fago, nun momento meto as mans no bolsillo e dinme que as quite, é unha falta de respeto.


O Fon dime que a próxima vez que o avise pois quere facerme un regalo, a ver cando é a próxima.
Saímos do palacio e dirixímonos a outro barrio, alí un tipo ao que lle chaman Pancho, dime que facía de tradutor de castelán, de ahí o nome, mais non sabe falar castelán... Pasamos un ratiño con eles e cóntolles o que fai HAC en Njinikon, gústalles a idea e a ver se crean algo parecido, aquí non hai ningunha ONG. Regálanme un gorro da familia real, marcho encantado, boa xente.


Voltamos ao palacio e damos un paseo polas casas da xente, entramos nunha delas e ofrécennos viño de palma, preséntanme a outro dos seus irmáns, o primeiro que me di é que colla o vaso coa man dereita, todos dinme que estou no palacio, pois vale. O mesmo tipo pensando que controla de España pregúntame de que cidade son e comeza a seguinte enumeración: Real Madrid, Barcelona, Getafe, Osasuna, Real Sociedade, en fin, sen comentarios, dígolle de Santiago, e responde ah de Santiago Bernabeu, ahahhahah, trato de explicarlle que non mais o tipo é cabezón, nada el é feliz coa sua explicación de que Santiago é un barrio de Real Madrid onde está o estadio, pois vale.
Imos a despedirnos da nai de Julius, non o comentara mais é cega do ollo esquerdo, doulle 2000 fcfa para que merque comida. Dime que agora son irmán de Julius e que volte a visitala máis veces.


Xa é noite, o irmán de Julius quere ir de chuza, mais non me apetece e a Julius tampouco, despois este cóntame que aquí a maioría da xente só traballa coas vacas, e o resto do tempo emborráchanse, unha pena.
Visitamos a unha amiga de Julius, estes africanos son o peor, van dicíndolle a todas que queren casar con elas, minten que da gusto, invéntanse historias...non me sinto cómodo cando fan esas cousas.
Bueno imos deixar as mochilas na casa dun tío de Julius e agora cara a casa do alcalde, convídanos a cear, como non fufucorn con polo e vexetais outra vez, estes comen sempre o mesmo, case non varían. Tamén comen uns gusanos que polo dagora non quixen probar, prefiro facelo cando teña un water preto, por se acaso. Nada falamos da posibilidade de crear esa ONG na vila e para a casa, Julius vaise onde a súa amiga e eu quedo co tío, son as 20:00, estou rebentado, así que vou durmir, ten posto Bob Marley, durmo coma un bebé.

Domingo, erguémonos ás 4:30, é noite, temos que coller o primeiro coche pois á noite marcho para Yaoundé, ás 5:00 pagamos e dinos que sairemos ás 6:30, a ver que pasa, mentres imos á panadería de outro dos tíos de Julius, están preparando pan para vender, interesante aínda que non moi hixiénico, merco pan e dirixímonos de novo cara o coche. De súpeto o conductor prende o motor e marcha, volve ao rato e subimos, arrancamos, parada para coller a ninguén, voltamos ao mesmo sitio do principio, baixamos, montamos outra vez, agora si, saímos... cara o parque de coches, baixamos, faltan dúas persoas así que teremos que agardar, comemos unhas galletas, paseo e por fin saímos ás 8:30.



A estrada non está en condicións así que temos que coller outra, parece que imos volcar mais levamos un bo conductor. Nun momento chegamos a unha costa moi empinada, mandan baixar á maioría, a min non (vantaxes de ser branco), agardamos aos demáis, unha foto do lugar.


Seguimos o noso camiño, pegamos unha frenada tremenda, no seguinte taller paramos a arranxar a roda, seguimos e paramos pois dous camións están atrancando a estrada, que pais pfff, paramos a arranxar a mesma roda... militares identifícannos, sen problemas desta volta e nada, durmindo o resto do camiño.
Chegamos ás 16:00 da tarde, duchiña, algo de comer e cara a estación, ás 21:00 é a hora de saída do bus, como de costume saímos ás 23:00, vou a gusto durmindo, collín o servicio VIP, por 1000 fcfa máis viaxas nun autobús normal, asientos reclinables, aire...

Luns, chegada a Yaoundé ás 5:30, teño que agardar a que sexa de día para coller un taxi e ir ao ministerio, teño unha reunión ás 8:00 co director de arquitectura e urbanismo do país, fago tempo, vou almorzar nun bar cercano o ministerio, aaahhhh, que clavada, 3000 fcfa por un café e un croisant, nótase que estamos na zona rica do país e da capital.
Bueno entro no edificio ministerial, subo á planta 4, ascensores e todo, que nivel, pregunto polo director e fanme esperar, véselles sorprendidos de verme, parece que non me esperaran. Mándanme pasar e comezamos a reunión, fago as miñas preguntas e dime que me dirixirá aos subdirectores dos departamentos de normas e instalacións, preséntamos e dime que nada que ata as 11:00 teñen unha reunión, entón para que me fai vir ás 8:00, cabrón. Bueno marcho e vou cara a embaixada, a explicar o meu problema co pasaporte, vaia ineptos, nin idea de que facer, dinme que vaia á policía, veña, teño tempo así que vou para alá. Chego explico o meu problema e mándanme cara emigración, explícame en francés e alá vou, non atopo o edificio así que vou a relacións exteriores, nada mándanme a outro lado, paso de todo, os meus papeis están en orde claramente, o rollo é que son uns corruptos.
Son as 11:00, vou ao ministerio, lévanme xunto aos subdirectores e ao final nada, resulta que en Camerún non teñen normas de construción, seguen as normas francesas dende os anos 60, mais non hai nin control nin nada, xa mo esperaba. Falo coa persoa que dende fai 5 meses estase a encargar da redación de esas normas, só unha persoa!!!
Bueno marcho de alí cagándome no goberno, viven mellor que o rei estas xentes, mentres a poboación vive entre basura estes teñen cada un no seu despacho as súa cafetera, nevera... bah.
Diríxome cara o bar da irmá de Belinda, sei que está enferma así que quero visitala, non está así que tomo unha cervexiña para relaxar e vou cara a súa casa, cando chego alí o marido e unhas amigas, ela está peor do que pensaba, ten un costra negra que lle vai dende o peito ata a espalda, non se pode mover e ten cara de sufrimento. No hospital non saben que ten e só lle deron medicamentos para á dor, ademáis está sendo tratada por un médico tradicional, di que está mellor que ao principio.
Marcho de alí un pouco tocado, non sei, bueno quero ir a visitar algún dos organismos que me dixo o director para obter máis información sobre materiais, empresas... vou ao barrio que me dixo e non é ali, vaia xente. Volto ao bar de Gladys e quen está alí, meu amigo Eric o putero, que asco de tío, quedei alí con Deco, en canto ven marchamos na procura doutro edificio, nin os policías saben onde está, aaahhh Camerún.
Desisitimos e imos cear ao sengalés que fora a outra vez, unha cervexiña co seu irmán e vou cara a estación, aínda teño que agardar unhas dúas horas mais prefiro estar alí, vexo o Barça-Madrid da semana pasada, polo menos...
E nada bus infernal, sobando como puiden e chego a Bamenda ás 6 da mañá, directo á cama.

Un saúdo

1 comentario: