18 de out. de 2013

O DÍA DO RAM

Martes, érgome ben pronto, ás 7:00, Julius xa está aquí, imos ir ata Fundong, á celebración musulmá do Ram. Almorzamos  e a coller un taxi, primeiro a Bambui e alí outro cara Njinikon, incomodísimo.
Chegamos á vila e teño que ir buscar a John Paul, fillo de Belinda á súa escola, collo unha moto, non sei moi ben onde está mais cando escoito André, xa sei, é o rapaz.
Imos cara á oficina de HAC, alí Maurice, Joshua, Paul e unha muller da que non podo recordar o nome. Falamos un ratriño e collemos outro coche, desta vez cara Fundong, alí Maurice dime que imos ter que camiñar así que vai cambialos zapatos á casa dun amigo. Agardamos Julius, John Paul e mais eu. Cando voltan imos coller unhas motos, tres en total, eu vou con Paul, dirixímonos cara o palacio de Kom, ao principio sen problemas mais ao rato comezamos a subir pola típica estrada camerunesa, barrizal, pedras e pendente pronunciada. Paul non é que sexa moi delgado e as motos dos demais pasan diante de nós, que sairamos antes. Nun momento xa temos que parar e subir máis adiante, logo pínzase a moto... O moteiro xa lle di pasa ti no medio se non...E agora teño que ir atrás, aguantando o peso deste gorila, sufrimento...
Bueno, chegamos ao palacio á fin, unha foto.


Agora comezamos a camiñar, sempre subindo, xungla, un paso estreito, á esquerda un tropezón e caída mortal. Saímos a un descampado, vistas increibles, e introducímonos nas nubes.


Comeza a chover, merda, non trouxen chuvasqueiro, molladura, imos pingando e, despois dunha hora camiñando (máis ou menos), chegamos ao lugar da celebración, recíbennos estes cabalos.


Saudamos a todo o mundo e mándannos sentar nunha das casas, alí estamos os invitados, ao rato comezan a traer comida, xa mataron ás cabras e agora toca comelas, riquísima carne á brasa. Despois traen arroz con salsa e carne e fufucorn tamén. De postre un té de ginseng e non sei que máis, moi rico todo.


Un paseíño pola vila para baixar a comida.


E agora toca reunirse, van facer unha colecta para a escola que vos amosara fai unhas semanas, por iso nos invitaron.




Ao final recaudan 90000 fcfa, bastantes cartos. Están moi contentos e os rapaces fan unha danza e tocan os timbales, aquí un vídeo do momento.



Comezamos agora o descenso, é un pouco tarde e non coñecemos o camiño, así que temos que correr, para non perder aos que van diante, como non, comeza a chover. Imos Julius, John Paul e mais eu, perdemos ao resto. Camiños esbaradizos, xa que cae auga a montón, é coma facer barranquismo, caio unhas cantas veces. Chove, chove e chove. Ao cabo dun rato sae o sol, menos mal, secamos un pouco e seguimos, atravesamos ríos, xungla... Cansadísimos, menos mal que iamos co cativo que coñece un pouco a zona e guíanos ata a casa.




Despois de moito sufrimento chegamos a Njinikon, imos directos a tomar algo, estou rebentado. Alí uns tipos moi borrachos, apuramos as nosas bebidas e collemos un coche para voltar. Frío moito frío, chegamos á casa cambiome e deixolle roupa a Julius, cenamos aquí e a durmir, tou morto.

Unha aperta

1 comentario: