17 de xul. de 2013

A UN MES VISTA

Boas a todos!!

Dende este blogue pretendo ir narrando todas as peripecias, traballos e vivencias que sucedan na miña estancia no Camerún, país de cores e no que disque se recollen tódalas paisaxes de África, dende as zonas máis secas no norte, xunto ao lago Chad, pasando por áreas máis selváticas na zona central e as praias do sul. Tratarei de ser o máis ameno posible e non enrollarme demasiado, non sei as posibilidades de conexión que terei alí polo que pode que non publique nada durante tempo, pero tranquilxs que o irei escribindo todo a man para despois darvos a brasa de golpe.  

En primeiro lugar agradecer tanto á Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC e a ONG Colores de Camerún, a posibilidade de  levar a cabo esta experiencia, e como non a Pablo, o meu predecesor neste proxecto, quen me puxo en contacto con eles, deume a coñecer os Programas de Coñecemento da Realidade e quen xa me contou parte da súa experiencia alí.

Ata o de agora non me sentía moi nervioso, pero supoño que é coma nos exames, ata que non faltaba un mes e non sentía a presión non funcionaba.
Papeleos finiquitados: pasaporte actualizado, cartilla de vacunación, visados... Agora ven o lío de que levar, que non levar, pero para eso está tamén miña nai que aínda pensa máis ca min e é capaz de descubrir cousas que nin me imaxinaba precisaría pero que poden ser útiles. Aínda así non creo que precise demasiadas cousas polo que tratarei de meter na maleta o mínimo coma sempre.

En próximas entradas, e antes de marchar, tratarei de amosarvos un pouco máis do país e contarvos cal vai ser a miña función principal alí.

Nada máis, un saúdo a todxs e espero que o disfrutedes case tanto coma min.