12 de out. de 2013

DSCHANG

Xoves, esperto animado, hoxe vou ir ata Dschang, vai ser só un día mais suficiente para renovar ánimos. Son as 7:00 da mañá, ducha fría, preparo a mochila e traballo un pouquiño. Ás 8:00 chega Augustin, saimos cara a estación, parada para coller algo de comer.
Xa na estación merco o billete, falo con uns tipos, pregúntanme se son australiano, dígolles que veño de España, entón pregúntanme se son Xavi o futbolista, contesto que si que teño mañá partido en Dschang, pártense...
Subo na furgoneta, é coma a miña mais aquí imos 19 persoas, séntome nun sitio e ao rato ven un tipo e dime, que fas ahi, non viches a miña mochila?, non a vira, cambio de sitio, séntome noutro, hai un pan que ninguén sabe de quen é, ao rato ven unha rapaza, resulta que era para gardalo sitio tamén, volta a cambiar. O peor é que agora estou entre dúas negras de anchas cadeiras, puf imos apretados de carallo, dúas horazas así, un inferno.
E nada chegamos a Dschang, cidade universitaria, collo unha moto, non sen problemas para explicar a onde quero ir (estamos na zona francófona). Quero ir primeiro ata o lago, alí tamén está o "museo das civilizacións", consulto horarios e prezos.



Agora continuo na mesma  moto cara o hospital no que traballa Juan, enxeñeiro de camiños vasco, chego alí e agardo por el, ao rato chámame e decátome de que estou noutro hospital, vaia cabrón o da moto. Pois nada a baixar outra vez, collo outra moto e resulta que o sitio a onde quero ir está na outra punta da cidade, pfff.
Bueno chego agora si, previa estafada do mototaxista, e reúnome con Juan.


Visita guiada por esta obra faraónica, están a construir un hospital con maternidade, ciruxía, consultas.... A verdade é que se trata dun proxecto no que están a gastar moitísimos cartos. Pregúntolle por aspectos técnicos, vai todo a ollo, de seguridade, inexistente... esto é Camerún. Hoxe están de limpeza e poñendo odo bonito pois mañá teñen visita dalgunha das organización que está financiando o proxecto.


Preséntame ás irmás do convento, moi simpáticas, estas monxas son de outra pasta. Amósanme a miña habitación e a comer, toritlla de patacaaaaassss!!!!, que rico como a botaba de menos. Conversa con Juan, cóntame que conseguiu o traballo vía google, leva aquí case un ano traballando gratis.
Baixamos á vila, visita ao mercado.


Reunímonos con Hugo, un rapaz francés que leva un proxecto de compostaxe na zona, unha cervexa e conversas moi interesantes, permacultura, bioconstrución, reciclaxe, África, Europa, en fin damos un repaso e arranxamos o mundo nunha hora.
Camibiamos de sitio, imos cear peixe, "bar" en concreto, rico rico, cunha cervexiña e nada ás 20:30 teño que estar de volta pois o convento pecha as súas portas.
Acompáñame Juan que vive ao lado, estivo 8 meses no convento mais agora decidiu cambiar, normal. Ábrenos a porta Sor Margarita, converso con ela un ratiño, dous compañeiros da nosa facultade estiveron aquí, Pablo, o meu predecesor no proxecto de Bambili, e Patricia, algúns seguro que a coñecedes, estivo aquí moi enferma, a piques de morrer, á monxa enchíanselle os ollos de bágoas ao falar dela.
Bueno a durmir.

Venres, durmín coma Deus, e nunca millor dito, pois a miña habita está ao lado da igrexa. Almorzo con Juan, biscoitoooo, chocolate e café, que bo. Un ratiño máis por alí e despídome das irmás, baixo directo ao museo. Por fin estou aprendendo a regatear, a entrada eran 3000, máis ao final quedou en 2000, interesante visita, un pouco de historia do país, é coma o Museo do Pobo Galego, moi ben. Teñen á venda o libro que estivera a buscar por Yaoundé, é un pouco caro e está en francés, mais mercoo, vaime vir moi ben para os meus traballos.
E nada diríxome á parada da furgoneta, mais chego tarde, xa está chea, merco billete para a seguinte e voume a tomar algo ao bar do lado, pasa unha furgoneta mais non ten a matrícula que me puxeron no billete, agardo. Séntase ao meu lado un home e comezamos a falar, chámase Remy, é do Chad e está aquí a estudiar un máster sobre eleéctronica. Pasa outra furgoneta e nada, seguimos falando, é un dos primeiro que me di que non lle molestan os gays e que pensa que as mulleres son iguais que os homes, pasámolo ben. Outra furgoneta e nada, decido ir preguntar e o tipo di que o número non se corresponde que teño que coller a primeira que pase, vale home e eu dúas horas aquí coma un parvo, bueno lección aprendida.
Súbome ao bus, despídenos un tipo tocando a guitarra, pídolle que ma deixe mais non podo tocala, ten unhas cordas durísimas, non sei de onde as sacou mais eu non podo tocar, rímonos moito.
Bueno camiño máis cómodo que á ida, eso si pinchamos, párannos os militares... de todo. Esgótaseme a batería do teléfono así que pido a algún dos meus acompañantes que me deixen cambiar a tarxeta para chamar a Augustin, quedo con el na parada. Bueno pois resulta que o bus deixanos noutra parada, volta a buscar a alguén que me deixe facer o cambio, xa ben. Pasa media hora e nada, xa é noite, outra vez cambio de tarxeta, desta colle Luis, collo unha moto e vou a onde me di. Xa está aquí Roberto, moi simpático, ceamos no Biberón, teño unha fame, non comín dende o almorzo, conversamos un ratiño e para a casa.
Mañá temos voda en Belo.

Unha aperta grande, e gracias outra vez aos que seguides aportando, esta semana xa vos conto algo 

Ningún comentario:

Publicar un comentario