30 de set. de 2013

ROUBOS, INICIATIVAS E MÚSICA!!

É domingo mais hoxe temos curro, aínda así levanto con calma, o restaurante está cerrado e morro coa fame, así que collo un taxi e voume ata a panadería máis cercana, merco pan, bolos, un bocadillo, e no posto do lado sandía.
Outro taxi e de volta, papo case todo na habita e póñome a traballar, dúas horiñas, xa son sobre as 12:00 e reúnome con Luis e Peter Hans, almorzo de novo, desta volta té, pan e papaia. Falamos sobre distintas posibilidades para construir o muro que nos toca e marchamos cara a obra.
Alí tomo medidas que me faltaban e un descubrimento, cando estou fotografando a area, ven Protus e di que roubaron parte dela, ademáis vese o rastro da carretilla que empregaron, así que comezamos a seguila,  tal cual rastreadores de bestias salvaxes, saímos da nosa parcela e adentrámonos por estes camiños de terra vermella, camiñamos e camiñamos.


Unhas mulleres comentan que viron a un rapaz cargando area, seguimos os rastros tanto da carretilla como do material que se lle ía caendo, ao final atopámos o corpo do delito.


Falamos coa dona da casa e di que encargoulla a un rapaz que a mercaba a outra muller subindo cara as montañas. Explicámoslle o que esta a pasar e sorpréndese moito aínda que xa vía algo raro. Ao final danos o número de teléfono do rapaz, imos tratar de falar con el e que traballe na obra, en lugar de ir á policía pois pode ser bastante peor para el.
Bueno baixamos ata Bambili, a vila de aquí ao lado e Luis queda cuns amigos, eu marcho xunto a Julius pois convidáronme a un "meeting" coa comunidade de Mankon, nun principio pensaba que era algo político pero trátase dunha reunión na que falan dos seus problemas na asociación.
De camiño vexo un grave accidente de tráfico, víase que iban demasiado rápido para estas estradas, en fin, chegamos á casa de Julius e imos cara Mile 7 Mankon. Primeiro paramos no hospital de St. Mary, levamos unha bolsa con medicamentos para Madre Carmen, entro e o segurata dime que me teño que pasar máis por alí para falar con el, bueno xa irei un día con calma, parece bo tipo, un pouco tolo... Dime que vaia ao convento, baixo e entro na primeira porta que vexo, alí as monxas rezando e falando cun cura, recollen as medicinas e marcho.
Bocata de paté e chegamos á asociación, reúnome co presidente/xefe da tribu, Cydus e compartimos uns cigarriños (o de fumar vai reducindo mais esta xente fuma o triple ca min), unha foto con el.


Baixamos á casa e comeza a reunión, danme a benvida, previo rezo e dinme que xa son parte da comunidade, decláranme embaixador, explícanme en que consiste o que fan. Son unha comunidade de granxeiros, pescadores, constructores (Cydus é arquitecto tamén), son escultores, músicos, bailaríns... De todo e tratan entre todos de desenvolver a súa comunidade. Entre os seus logros máis importantes está a reparación dunha das estradas do barrio.
Preséntome e moi contentos todos, aquí un vídeo dunha danza que fai a muller máis vella parece, antes disto dime algo que non comprendo, todos rin, teño que aprender o dialecto da zona, xa sei o máis importante, gracias dise "mia", eso é doado, o resto buf...


Sírvenme unha cervexa e alí quedamos falando un ratiño, despois lévanme a ver o río no que traballan, teñen de todo, rochas boas para a construción, arxila, aréa, plantas medicinais (parte deles son tamén menciñeiros), peixe nos ríos...
Explícanme como sacan a area do río, bucean ata o fondo cárgana e súbena, moi arriscado, todo é traballo manual. O que queren e desenvolver a súa comunidade, todos os beneficios son para todos, traballan duro.




Xa de volta, imos á oficina, prometéralle a Cydus o Autocad, descárgollo no ordenador e ademáis as fotos e vídeos do outro día. Compartimos unhas cervexas e convídanme a comer, peixe con jam, moi rico e todo con produtos do barrio. A verdade é que o teñen todo para alimentarse, só lles falta conseguir un pouco de diñeiro para arranxar certas cousas.
Bueno ímonos cara un bar, o Africa Unite, tamén na zona, hai un concerto dun dos rapaces da comunidade, cando chegamos aínda se están a preparar, Cydus fala cun tipo para que toquen percusión na terraza do bar, nótase que este home é un dos notables da zona, todo o mundo ven a saludalo. Dime que o que vou a ver é Samba, dígolle coma en Brasil? e dime que algo escoitou de que nese país faise algo así. Dime que esta é a música tradicional de aquí, polo tanto son as raíces da samba, todo un pracer, ahí vai un vídeo.


Disfruto moitísimo mais moita calor, imos para dentro a ver o concerto, súo coma un porco, calor, caloorrrr... Chamo a Augustin para marchar, antes falara con Luis a ver se se animaba mais ao final non viu.
Augustin tarda un bo rato e o Julius desespérase, parece mentira, eu tranquilo e el desesperado, chamouno ata catro veces en media hora par ver onde estaba.
Con todo isto chega, despídome de Cydus e volta para a casa, parada na panadería outra vez.
Xa na casa como dous bocadillos, peli e a durmir. Son case as 00:00, o que é bastante tarde para o horario de aquí, mañá luns son as eleccións, non podemos facer nada, quedar na casa e descansar que fai falta.

Un saúdo

Ningún comentario:

Publicar un comentario