28 de set. de 2013

ARTESANO-MONITOR-APARELLADOR

Xoves, paso toda a mañá currando, dende as 8 ata case as 14, planos, blogue, proxecto, pagos... marcho xunto Luis que se foi a conectar a internet, e comemos alí, eu carne á pementa con patacas, da gusto de cando en cando cambiar de sabores, aínda que a todo lle botan maggi, os cubiños enriquecedores que o único que fan é que todo se pareza extrañamente.
Iamos ir a CEFED mais fíxosenos tarde, así que imos co noso taxista particular, Augustin cara o centro da vila, quedamos con Fanta Bengy no seu taller, aparece ao ratiño e subímonos no Black Power Car, ven cunha amiga desta volta, atasco como non mais temos sirena malva así que saímos rápido, somos intocables neste carro.
Unhas froitas e cervexas nun bar que lle encanta ao rasta para levar o seu taller pois di que no que está agora non se inspira polo entorno, falamos de vellos futbolistas africanos, Roger Milla, Okocha, pomos a parir a Etoo... Divertido.
Movémonos ata o Biberón, un bar restaurante que está moi ben, boa comida, bo ambiente e moi  bonito tamén, é o día que máis brancos vin xuntos, debiamos ser uns 8 neste bar, collemos ideas para a obra neste lugar, ceamos "equen", pizza e patacas fritidas durante o partido do Inter contra a Fiorentina, estou vendo máis partidos de fútbol aquí que nos últimos dous anos.
Bueno collemos un taxi e para a casa, temos que espertar a Belinda para que nos abra, que paciencia ten esta muller, case tódolos días chegamos cando xa está a durmir e non podemos abrir.

Venres, esperto e ducha fría coma sempre, teño algo en mente, tratar de deixar de fumar, xa que estou aquí será máis doado penso eu, hoxe propóñeme reducir, a ver como vai. Almorzo tres pinchos de ovos revoltos, te con mel e pan. Traballo con Luis, acordamos o que imos ir facendo na obra. Traballo un pouco na habita e ven Augustin, imos cara CEFED, paramos na panadería e collo unha hamburguesa para comer e Luis un montón de boliños para os cativos.
No traxecto pecho os ollos para descansar a vista do ordenador e quedo sobadísimo, chegamos ao centro, Luis quere facer un pequeno patio entre os dous edificios e falamos da mellor forma de facelo, é sinxelo. Os rapaces están comendo así que saudámolos e imos comprobar que a bomba que estaba estropeada funcione, funciona!! todo ben, no paseo uníronsenos un montón destes cativos, son cariñosísimos, só nun ou dous días xa te queren e buscan abrazos e besos constantemente.
A última vez que estiven aquí prometéralle a Glory ensinarlle algúns trenzados para pulseiras e collares, pois gústalle facer estas cousas, así que póñome con ela, veñen moitos máis, encántalles. Glory é unha das primeiras rapazas coas que comezou o centro, simpatiquísima, cun sorriso e moitas ganas de aprender, aínda que tamén ensínanme moito. Estes rapaces coídanse os uns aos outros dunha forma incrible, son unha gran familia, pásano pipa mais tamén chámanse a atención cando algún fai algo mal, da gusto. Unhas fotos da actividade.





Ao ratiño Luis avísame para ir comer, outra vez, comín unha hamburguesa fai dúas horas máis como igual, desta vez un prato moi forte, fabes con millo e cocojam, vai ser unha tarde dura.
Despedida con caramelos que trouxen para darlles e marchamos de alí, voume con ganas de voltar moitos máis días, encántanme estes cativos.


Xa de volta Luis quere ensinarme unha parcela que ía mercar fai anos mais chegou tarde pois daquela estaba a invertir cartos en CEFED, comenta que viviu por esta zona e coñece a moita xente, ao final chegamos á parcela en cuestión, vexo unha mansión construída, sae un rapaz un tanto desconfiado e di que o amigo de Luis non está, xa imos marchar cando nos chama e di que a súa nai quere que entremos, entramos saudámola e imos dar unha volta pola parcela e a casa, estupendas vistas da cidade e da rexión. Convídanos a un viño e Luis cóntalle a súa historia, a muller interésase moito e di que quere vir coñecer o centro. Preséntannos ao tío, irmán... moi amables, eso si a casa eu tirábaa e facía outra cousa, que opulencia.
Bueno marchamos e paramos no Biberón outra vez, pedimos unha botella de viño, que teñen que mercar na tenda de enfrente e, sorpresa, viño de Ourense!!!! bueno non está boísimo mais bébese, pido de cena "bar", un peixe de aquí, con patacas fritidas, rico rico mais sempre co maggi do carallo.
Pregúntolle a Luis como comezou con todo isto, fai dez anos estaba a traballar en Londres, cos cartos que xuntou viuse a traballar a esta zona cunha ONG local, e a partir de ahí, puxo cartos para construir CEFED e busca colaboradores españois, despois diso a Cruz Vermella contratouno para a construcción de pozos e bombas, estivo en Chad, República Centroafricana, India, Cuba... bótalle collóns pois estivo en zonas de conflicto armado e todo.
Conversa sobre as ONG's, formas de facer cartos e así rematamos a botella...
Taxi e para a casa, peli e a sobar.

Un saúdo a todxs

Ningún comentario:

Publicar un comentario