15 de set. de 2013

HAC, PROXECTOS QUE SON REALIDADE E IDEAS QUE XERMINAN

Martes 10, hoxe durmín fatal, tarde, pesadillas... Ás 8 en marcha cara Njinikon, polo camiño bocata de chourizo, sen problemas hoxe, unha fotiño das vacas que por aquí hai, teñen unha cornamenta de cuidado.


Ás 9 chegamos e as 9:15 comezamos co traballo, imos visitar persoas ás que HAC está a axudar, no coche Augustin, Mr. Joshua, Maurice e máis eu.
No traxecto conversa con Maurice, este comenta que un dos maiores problemas cos que se atopan é a irresponsabilidade de moitos pais, pois pasan dos fillos, non se precupan nin da alimentación, escola ou roupa entre outras cousas... están cavilando se no próximo ano comezar a denunciar casos así á policía.
Tras unha embarrada, empuxar o coche e camiños inaccesibles facemos a primeira parada, Odette, unha rapaza discapacitada física e mental, non ten como ir á escola.


Seguimos a ruta agora toca un rapaz do que non recordo o nome, este dinme ten a vontade de estudar, de feito cando chegamos está cun caderno do colexio, está na casa pois a cadeira de rodas xa se lle quedou pequena e non pode ir á escola, HAC vaille proporcionar outra cadeira. Un exemplo de irresponsabilidade paterna, cando operaron a este cativo, estivo despois 9 meses ingresado e o pai nunca o foi a visitar.


Proseguimos a mañá de visitas, recollemos a Paul que chegara tarde, aos 5 minutos páranos a policía, xa empezamos, resulta agora que o taxi non pode ir co número de licencia ou non sei que visible, esto despois de revisar tódolos papeis mil veces ata que se lle ocurre o do número, unha horiña alí lidiando co tipo e ao final 4000 fcfa que paga Augustin, xa llo compensarei, eso sí os cartos van directos ao peto do policía non vaiades a pensar que é para mellorar escolas, estradas...
Con todo isto chegamos a Fundong e paramos na casa da familia dunha rapaza, a organización vaille proporcionar vivenda, unha voluntaria ofreceuse, preto da escola pois ela vive nas montañas e non ten acceso. A familia é musulmana e queren que as fins de semana volte á casa para non olvidar as súas obligacións, non hai problema, falando todos nos entendemos.
Agora imos cara outro caso, Sylvanus, rapaz discapacitado físico e mental ao que HAC construiulle unha casa para el e a familia, leváronlle auga corrente e ademáis axudan á sú irmá no negocio de costura que ten no mercado, aparcamos e adentrámonos no bosque ata que chegamos á casa, unhas fotiños.




Visitamos á irmá no mercado, cando saimos un montón de Bororos a cabalo, van cara o palacio pois é a ceremonia para decidir quen será o próximo Fon.


Reunímonos con Ceydou, un destes muslmáns Borroros, imos ir a visitar a súa granxa, na que HAC participará e axudará nun futuro, tamén para obter ingresos e medrar. Sitio incrible, esta xente si que sabe, teñen vacas, galiñas, abellas e ovellas, horta moi variada, son autosuficientes mais carecen de electricidade e auga corrente. Véselles moi sanos e activos. Convídannos a arroz e té con leite de verdade, son moi hospitalarios aquí un video dese momento.



O negocio das vacas é moi rentable aquí, cóntanos Ceydou, mércanas por 50000 fcfa e aos 6 meses véndenas de 300000 para arriba.
Voltamos a Njinikon e a comer, hoxe "eru" (masa feita a partir da cassava) con polo e vexetais. Despois da comida imos cara a oficina, ocórreseme comentarlles formas máis baratas de construción, xa que como vin en ocasións adícanse a construir casas. Fálolles de neumáticos, adobe, palla... encántalles a idea, a necesidade fai que este tipo de cousas poida que sexan mais doadas de facer aquí.
Teño que dicir, aínda que me repita que esta é a dirección, o camiño no que traballar, directamente coa persoa, descubrindo as súas auténticas necesidades e axudándoas no que precisen. A paixón que lle botan e determinación que teñen é a mellor arma que ten esta xente.
Voume ao hotel con Paul e moi ben, un pouco caro (para ser aquí) mais está decente, estou a gusto, mañá será outro día.

Mércores 11, boa noite de descanso, érgome con ganas dunha duchiña mais non hai auga corrente. Ao rato aparece o rapaz do hotel cun caldeiro, menos mal.
Baño e veña voume cara a vila, almorzo no restaurante que ten HAC (tamén para sacar fondos), te e pan. Remato e para a oficina, alí Paul e Maurice, 15 minutos e arrancamos, imos en dúas motos, chegamos a Kikfuini, alí xa está Mr. Joshua o presidente, imos ver un proxecto de auga que montaron aquí fai anos. Cóntanme que pretenden levar auga corrente mais coas obras da estrada que comezaron o ano pasado rebentaron as tuberías, vaia xente e agora teñen que servirse dunha bomba que instalou HAC tamén nesta vila, bomba que foi roubada e houbo que repoñer.


Imos camiñando pola estrada e topamos primeiro a unha rapaza con glaucoma, case non ve e non hospital non a axudaron, tómanlle os datos e síntomas e terana en conta, despois outra que quere aprender informática, daránllas se se compromete.
Comezamos a subir polo bosque, camiños embarrados, Maurice explícame que no papel moitos destes camiños son estradas, dende Yaoundé mándase o diñeiro, o administrador da zona queda coa súa parte, a constructora non lle chegan os cartos e non se fai nada, mais dende a capital non veñen a comprobalo, así que como pagaron pensan que está feita e non lles importa.
Metémonos na foresta, unha fotiño.


Chegamos a outro proxecto para ter auga na estación seca, é a canalización dende onde xurde ata onde é necesario consumila, alí un home do que non recordo o nome, móstrase moi contento pola miña presencia, a el o ano pasado morreulle unha filla discapacitada.


Baixada por pedras esbaradizas, unha foto dun peazo caracol que topei no camiño.


Na estrada paramos un coche e lévanos a Njinikon de volta, aquí o autosop funciona mellor que ben.
Traballo na oficina, clasificamos os casos dos rapaces mais vulnerables da zona, fixeron unha primeira búsqueda no terreo, agora anotamos as necesidades que teñen e o seguinte sería voltar a comprobar que todo é verdade e os datos correctos. Unha vez feito isto aplicaranse unha serie de medidas para axudalos tendo en conta a situación persoal de cada individuo, a maioría deles non teñen ao pai, ou o pai non se fai cargo, case non teñen roupa (1 ou dúas prendas) e a calidade da comida deixa moito que desexar, sufren deshidratación, non están protexidos contra a malaria (en decembro HAC repartirá vitamina A, que é unha defensa contra esta enfermidade)... Cada vez que o penso énchenseme os ollos de bagoas, hai que axudalos!!

Rematamos e voume con Paul, lévame xunto un artesano amigo seu, fai sillas, mesas, mascaras, figuras de animais...


Agora imos xuno un construtor tamén amigo, no camiño falamos de tradicións, sacrificios, enterros e incineracións, dime que non acepta!! a incineración, e alucina cando lle digo que nos cemiterios modernos a xente queda en caixas de formigón para toa a eternidade.
Xa con Williams, o construtor, coméntolle tamén estas formas baratas, sobre todo o dos neumáticos xa que aquí vense por todas partes, penso que é unha boa maneira de comezar algo aquí. Encántalle a idea e na miña cabeza comeza a xurdir algo, pódese vir aquí a ensinar estas técnicas, pois é o que necesitan, ademáis aquí hai máis liberdade, segundo me comenta, ti tes unha parcela e constrúes o que queres.
Unhas cervexiñas, conversa con Paul, África, Europa, que mundo queremos, homosexualidade (están moi preocupados aquí con iso)... algo de comer e cara o hotel. Alí coméntame que quere montar unha granxa de porcos, a ver se o podo axudar, este pensa que son rico, dígolle que non.
Voume a durmir mais teñen a música no hotel altísima, están colgaos teño que levantarme ás 5 para visitar unha comunidade Borroro nas montañas e durmo sobre as 12 da noite.

Un saúdo a todxs

1 comentario: