15 de set. de 2013

VIAXE AO PASADO Á TERRA DOS MBOROROS

Xoves 12, día esperado, vou a visitar Igim a comunidade Mbororo que vive nas montañas, o único medio para chegar alí é a pé ou cabalo, e non temos cabalos así que camiñata. Mais estou encantado de camiñar, ademáis quero sentir na miña propia pel a dificultade que supón para esta xente o vivir tan afastados.
Érgome ás 5:30, quero ducharme mais non  hai auga, pfff.
Saio do hotel e como unhas magdalenas, algo de enerxía para comezar, quedamos na oficina da organización, aparece primeiro Maurice que se impacienta pola tardanza de Paul.
6:15 e saimos, previa parada na casa dunha das voluntarias (a que vai acoller a rapaza da que vos falei onte), preparounos a comida para levar, bocadillo de espaghuetti!!!!
Comezamos o ascenso, camiño embarrado mais doado de subir.


Ata que o abandonamos, comeza agora un ascenso no que imos alternando tramos duns 60º de inclinación e pedras ebaradizas con outros mais planos nos que vou vendo diferentes cultivos, millo, cenorias, cocojam, patacas, e mais espectaculares paisaxes.




Tras unha horiña sen descanso e continuo ascenso chegamos a outra zona na que a terra é mais negra, hai mulleres traballando, están limpando a terra para plantar de novo. Esta xente, dime Maurice, é a máis forte de Camerún, e de feito que o son, pois suben aquí tódolos días para cultivar.
Neste punto comezamos a chegar á altura das nubes, nun momento atravesamos unha pasarela natural, aos dous lados caída ao vacío, é coma unha transición do mundo moderno no que vivimos ao pasado, a uns 200 anos atrás cando estas xentes se asentaron aquí.



Levamos máis de dúas horas camiñando, conversas sobre Deus, a creación, a evolución, mais para eles sempre está Deus, o demáis non vale. Paramos a comer un pouco, o máis difícil xa pasou.
Diferentes paisaxes, atravesamos bosques, pradeiras, ríos, ladeiras empinadas e á fin chegamos a Igim, a nosa primera parada é a casa dun destes pastores, vaqueiros, criadores de cabalos e musulmáns Mbororos.
O vento destrozou parte da súa granxa, falamos un pouco con el e pregúntolle sobre o sistema de construción das súas vivendas, usan bambú, adobe e herba. Pregúntolle pola herba seca que usan nas cubertas, dime é a que crece nas ladeiras, eu, como se chama?, mírame sorprendido e responde, herba das ladeiras, non sei para que pregunto.




Continuamos a camiñata, cruzamos outro río, aquí aínda non chegaron as pontes e nesta estación hai auga a montón e os meus pes comezan a estar mollados a pesar das botas, xa me fixei que aquí todos levan catiuscas.
Chegamos a outra granxa, aquí dannos arroz e mais auga, paramos pouco tempo mais o suficiente para que me cargara unha pedra dun muro no que me sentei, vaia manazas e eu rexeitando a cadeira.
Imos cara ao palacio do Fon mais non está, así que seguimos o noso camiño cara a escola. Herbas altas, bosque tropical, pedregais, cabalos, vacas...




Chegamos á escola e os rapaces veñen correndo a saudarnos e darnos a benvida.
Conversa cos profesores, resulta que esta é unha escola do goberno, que quere dicir esto?, que o goberno manda aquí un profesor e xa está, ala que se apañe, a escola se non a hai que a constrúa e manteña a comunidade, eles non mandan mais nada, unhas fotiños para que vexades as condicións nas que veñen a clase.






É coma as unitarias de antes (bueno creo que aínda quedan algunhas), están nunha aula os de 2º curso e na outra os de 3º,4º,5º e 6º curso xuntos, aquí arriba fai frío e cando chove que é sempre nesta estación, teñen que afastarse das paredes para non mollarse.
Falando co director coméntanos que precisan ampliar o número de aulas, nunha das fotos vese a nova que están a facer, e non é moito o que precisan, pois parte dos materiais téñenos aquí, como a madeira nos bosques, haberá que buscar a forma de axudalos para que veñan a clase en mellores condicións.
Os rapaces moi pequenos non poden vir pois o territorio non é moi doado de camiñar.
Resulta que son o primeiro home branco que ven a esta escola, están contentos e eu emocionado, moitas das rapazas rinse, penso que polas miñas rastas.
Agardamos ata que escampa e tiramos de volta cara a granxa na que estiveramos antes pois convidáronnos a tomar un te. Agora guíanos un dos rapaces e por unha ruta mais corta, hai que ver o rápido que andan aquí, cústame seguilo.
Unha vez alí un te quentiño e conversa co cabeza de familia, falamos das súas necesidades: pontes, unha pequena enfermería e farmacia, pois se hai unha emerxencia a única forma de chegar ao hospital é co enfermo ás costas e son 3 horas de camiño polo menos.
Móstrome interesado pola súa forma de construir e pregúntame se alá temos casas coma estas, fálolle dos castros e das pallozas. Dime medio en broma se quero pasar uns días con eles alí, contesto que me gustaría moito (en serio) mais todos se rin, se volvo que pode ser voulle repetir que si que quero pasar uns días alí, pois é a mellor forma de coñecer as súas necesidades  e o que queren, ademáis do que podemos aprender os uns dos outros.


Bueno, camiño de volta, son as 14:30, vou rebentadísimo, empapado e sedento, non podo beber moita auga da de aquí, se non cágome (literalmente). Unha imaxe que mostra o meu cansanzo extremo.


Estes baixan correndo, están coma cabras, eu resbalo bastante pero bueno sen problemas. Chegamos a Njinikon ás 17:30, despídome da xente de HAC coa seguridade de que vou a traballar máis xunto eles.
Vou ao hotel, ducha, comida, pagar e cara a parada de bus, non teño cartos mais falo co condutor, espero que Belinda poida deixarme algo á chegada. Imos nunha furgo coma a miña uns 10 adultos mais 3 rapaces, mochilas e demais. Chegamos sen problemas.

Estou contento, estes días en Njinikon foron productivos e ampliaron bastante a miña visión sobre os problemas que ten esta xente. Tamén vexo que non é tan difícil aportar solucións, pois na maioría dos casos o máis sinxelo é o máis eficaz.

Estes días publicarei unha entrada coa historia de HAC, estou mirando o tema que moitos me comentastes, aquí están encantados de recibir voluntarios, eso si, non hai cartos, pero xa vos irei dicindo en detalle. Se algún está interesado en algún proxecto en concreto que me escriba un mail, tamén teño o número de conta por se vos animades a enviar algo, por pouco que sexa é de gran axuda pois aquí si que se fan as cousas.

A miña direción de correo é: adrian.senra@gmail.com

Un saúdo a todxs


2 comentarios: