24 de set. de 2013

CHOIVA, MILAGRES, ARTESANOS

Sábado, traballo toda a mañá, ata ás 12:30, planos, máis planos, sempre hai cambios e modificacións, a ver se saco xa o definitivo.
Reúnome con Luis e Ana nun bar, collemos unha hamburguesa na panadería (moi rica, tamén o botaba de menos), e ímonos a ver a parcela que Luis mercou fai anos, sitio inmellorable, unhas vistas da cidade...



Bueno alí un ratiño co seu veciño que está a construir unha casa alí, probo a caña de azucre e arrancamos.
Imos cara Sabgá a visitar á familia de Mariamo, unha das rapazas que están en CEFED, son Mbororos tamén, alí un rato, paiasadas e demáis e voltamos.



De volta Ana e Luis quedan nun hotel a conectarse a internet, eu regreso á casa e conéctome aquí, primeiro unha cervexiña con Augustin vendo o fútbol. Hoxe é o último día de Ana, así que quedaremos con Eva, Fátima e Fanta para ir tomar algo.
Ao final Ana e Luis non regeresan ata as oito e pico, así que Eva e Fátima xa non poden vir, pois ás 21:00 teñen que estar de volta, e Fanta ten a súa filla enferma, así que imos nolos tres. Durante a espera falando coa muller do dono, dime que teño mellor cara que cando cheguei, que se nota que o señor está a entrar en min, non sei de onde saca iso...
Chegamos ao bar, "Le Biberon", e que ben, teñen pizzas, hamburguesas e demáis, Luis saca unha botelliña de viño e a brindar, pedimos dúas pizzas, patacas fritidas, Luis pide non me acordo que plato e unhas empanadillas riquísimas, acabamos a rebentar, unhas risas e para casa con Augustin.

Domingo, día do señor, hoxe prometinlle a Sam ir con el á igrexa, veña levántome ás 8 da mañá, a roupa dos domingos e en marcha, unha foto da elegancia do rapaz.


Iamos ir á igrexa de aquí o lado mais xa é demasiado tarde así que agardamos por Luis e Ana que van a coller o autobús para Douala e nós xa quedamos no centro noutra igrexa. Despedida de Ana e á casa de Deus.
Nada máis chegar unha muller cólleme e lévame adiante de todo, estamos no Full Gospel, todos bailando cantando, gritando, moita festa e paixón. Chega o momento dos milagres, e toda a xente se acerca ao pastor, explícanlle as doenzas que teñen e el grita e fai ruídos para botar as dores fóra, pero mellor que o vexades, uns vídeos, eu non sei que pensar porque non creo que estén actuando mais algúns entran nun trance incrible e vese que hai dor dentro deles, non sei...



Ao final, a muller que vedes gritando volta en si, o pastor pregúntalle se recorda estar tirada no chan e se recorda ter caído nas miñas pernas (caeume enriba a tía), e ela contesta que non recorda nada...
Bueno despois de todo isto e uns cantos sermóns acaba a misa e marcho con Sam a comer na casa da súa tía ou irmá, non sei. Alí como water eru creo e sobremesa de xogos e peli nixeriana. Unha foto con David, rapaciño da familia, graciosísimo. 


Dalí marchamos Sam e máis eu, quedei con Julius para pasar a tarde, chego con restraso mais alí está esperando e nin unha cara longa, bueno imos a tomar unha cervexiña e despois a visitar a un dos artesanos que coñecín o día das danzas, agora mesmo non me acorda o nome.
Alí cando chego unha alegría, pasamos a un cobertizo, é o seu lugar de traballo, o home explícame que fai anos tivo un accidente na empresa na que traballaba, agora ten uns tornillos na cadeira, a empresa non lle pagou indemnización, vexo as radiografías e demáis. Ten seis fillos, e algún neto, para sobrevivir adícase á medicina natural e á confección de bolsas de rafia, aquí podédelo ver en acción.


Regálame a súa bolsa e agradézollo, sempre regalan son moi amables, e traennos comida, fufu corn desta volta, falamos de moitas cousas, entre elas a lonxevidade da xente, cóntame que o seu pai morreu con 174 anos!!!!! e a súa nai que ten agora 117. Viven nas montañas de Oku e sempre consumiron productos naturais, e moito traballo. 


Probo unha variedade de mel cor vermello, riquísima, esta paréceseme máis á da Galiza que outra que teño probado aquí.
Bueno estáseme a facer tarde e non para de chover, insisten en convidar a unha cervexa (é imposible non beber unha ao longo do día...). Un ratiño no bar e comezan a aparecer uns insectos de catro ás, son sinal de que está a comezar a estación seca, á fin un pouco de calor e sol, xa o boto de menos. Tamén comentan que se comen eses bechos, así crudos sen cociñar nin nada, dígolles que síntoo mais iso si que non o vou probar.
Bueno arrancamos Augustin, Julius e mais eu, imos a buscar a Sam á casa da súa familia, non para de chover, cando chegamos dinme que xa marchou, a buscarme porque chego tarde, vaia lío, non sabemos onde está o rapaz, buscámolo baixo a choiva e nada. Falamos con alguén da casa e dinos que el sabe voltar só, bueno menos mal, vaia susto de primeiras.
Chove, chove e chove, atasco, media hora parados, vaia caos de cidade, e nada chego a casa, lectura como de costume e a sobar.

Luns, hoxe ven Mr. Joshua, de HAC, imos retirar cartos para pagar á xente da obra. Chega ás 9:00 e almorzamos xuntos, coméntolle o dos milagres que presenciei o domingo pois el tamén é pastor. Pregúntolle que como sabe canalizar esa enerxía e que é, contesta que é o espíritu santo e que está todo na biblia, vale... Dígolle que con toda esa xente si que sentín unha enerxía, para min e a forza da xente que cando todos cremos nalgo podemos sentilo se o facemos con forza, chámalle deus o ou que queiras, mais síntese. El está encantando, outro máis que pensa que o señor está en min, da igual.
Facemos o noso traballo, síntome coma un executivo, imos ao banco, retiramos cartos, e imos ata COTECC a pagar, billetada. Todo correcto, recibo e de volta, visita a Julius e un rato con el e outro amigo das danzas, arranxamos o mundo en media hora.
Volta á casa a comer, leva todo o día chovendo, conversa con Richard, outro dos inquilinos da casa, este é de aquí mais estuda en USA, está a facer aquí unha investigación sobre a xente que vive nas  montañas, pastores e demáis, e a sú integración, interesante.
Marcho xunto Eva e Fátima, imos cambiar pelis, documentais e demáis. Case non vos falei destas dúas rapazas, Eva é bióloga de Barcelona e Fátima farmaceutica de Tudela, están a traballar nunha vila cerca de Bamenda, mais esta semana viñeron aquí, xa teñen experiencia no mundo ca cooperación. Coñecen Honduras, Bolivia, SudÁfirca... Moi divertidas e amigables, pásomo pipa, ademáis temos os mesmos gustos musicais e moito en común...
Ceno con elas, aquí si que están ben, dentro do complexo do hospital cun apartamento para elas, microhondas, televisión, tostadora, un luxo. E tráenlles a comida xa feita, da gusto coas monxas.
Bueno pasamos un rato e chamo a Augustin que me ven a buscar, xa é tarde, chove e non hai ninguén nas rúas, chego á casa, peli e a sobar.

Un saúdo a todxs

1 comentario: