7 de nov. de 2013

CASE TEMOS PATIO

Martes, hoxe negocios, érgome e almorzo, sen ducha, que lle imos facer, tiro cara a vila a reunirme con Julius e Ankias Vallyman, de profesión rastaman. Buscamos un sitio tranquilo para falar, sentámonos nunha mesa e ao son de reggae voulle amosando os festivais que temos no noso país, vai ser difícil mais vou tratar de buscarlle concertos, con comisión para min por suposto. Bueno cervexiña matutina, visitamos un estudio de grabación, que casualmente está no mesmo edificio no que nos reunimos e despedímonos.
Agora imos cara a tenda da irmá de Julius, outro negocio entre mans, estes queren zapatos, electrónica, coches... tamén por suposto a comisión, a ver que se pode facer. Aparece a moza de Julius, por fin a coñezo, e nada despídome de Julius e tiro cara o presscafe en Comercial Avenue, casualidade ou non, alí están as checas, din que xusto me ían chamar para ir a Santa, eu acabo de chamar a Augustin para que viñera recollerme. Como alí, ensalada de pasta, aceite de oliva ahahah que rico, café de verdade...
Ao rato chámame Augustin e dime que xa está na casa, merda non me entendeu, seguimos agardando, chega en 20 minutos.
Sestiña de camiño e cando chego aínda están os obreiros, xa temos case que medio patio completado, unhas fotiños. 



Suponse que terminarán o mércores, a ver se é verdade. Bueno alí no centro coma sempre risas e xogos, voltamos no coche cos obreiros, ben apretadiños e como non, control, media hora, hoxe non lles chegaba con 500 fcfa, querían 1500, corruptos!!!
Volta cara o biberon, quero pizza, non hai, quero brochetas de porco, non hai, bueno pois polo con patacas, estou famélico. Conversas interesantes con Kamila, unha das checas e Joseph, acordamos facer o xoves unha ceniña, comida checa, camerunesa e española, gustaríame facer un polbo á feira mais como que aquí non hai.

Mércores, mañá de relax, almorzo e ducha, cando me estou secando miro á miña dereita e á altura da miña cabeza atopo unha tremenda araña, peguei un chimpo, metía medo.


Decido cerrar o baño e non utilizalo ata que se vaia. Marcho cara a vila, primeira parada no negocio de Salomon, quero imprimir uns documentos, a tía lentísima, para imprimir 11 folios tirouse máis de media hora, desesperación, teño máis cousas para imprimir, e dígolle que xa virei o venres.
Vou canda Julius, un ratiño con el e coa sua irmá e voume ao Prescafe a comer, como non alí están as checas, mellor así non como só, un cafeciño e chega Augustin, imos cara CEFED, a controlar a obra do patio.
Os traballos van indo, aquí fotos para que vexades o que se leva feito.





Remataremos o patio o sábado, mentras os obreiros rematan a xornada, xogos, cancións, carreiras e risas cos rapaces, en fin, coma sempre, vounos botar de menos.
Volta cara á vila, paro no Biberon, unha cervexiña e unha empanadilla e para a casa. Cando chego coméntolles á xente de aquí o da araña, así que imos de expedición en busca dela, nin rastro, Stephen bota insecticida pola habitación e polo baño, dinme que estas arañas non morden, que se fora un escorpión sería outra cousa, tócame agardar, Durante a caza pártense o cu de min, mais e que era tremenda, bueno cervexiña mentras agardo para non envelenarme, conversas e risas con Belinda que xa está mellor e a durmir.

Unha aperta

1 comentario: