28 de ago. de 2013

INSTALADO EN BAMENDA

Prosigamos, noite de domingo ceno no hotel polo con patacas, alí falando co dono e vendo vídeos de Don Williams, cantante yanki de country que é coma un deus aquí, música africana, un bo rato...

Luns, quedei con David para ir a Bamenda a arranxar os papeis, coller o meu flash para a conexión, mercar o maldito mapa... Non aparece así que voume co dono do hotel ata o centro a mercar algo para ter comida na habitación. Cando voltamos David aínda non está, quedáramos sobre as 10:00 e son as 12:00, chámoo e esgótaseme o saldo (mais el non rechama). Vou recargar, hai unha tenda baixo o hotel que recarga mais a nai do rapaz que está na tenda non está, así que agardo unha hora, cando ven resulta que non recarga para a miña compañía (MTN), non sei por que ten o cartel entón, así que voume andando a recargar a outro sitio, pega o sol.
Á volta por fin está David aquí, dime que mude de roupa que así non podo ir á oficina de inmigración, marchamos mais cando chegamos alí decide que mellor mañá, bueno ao final imos a comer a casa dunha amiga (patacas guisadas) e despois arrancamos cara Bamessing onde se atopa a fábrica de tellas que usaremos no tellado.
De camiño paramos nunha aldea, na terra dos Borrows, rollito Dowayo, homes que camiñan collidos da man, alí David merca carne de terneira que é da mellor e máis barata da zona, estou canso así que nin fixen fotos nin nada, xa volverei.
Imos á fábrica, produción totalmente artesanal, ao final teño que darlle cartos ao tipo que nola ensinou...
Voltamos e de camiño paramos outra vez, uns 20 rapaces tíranse ao noso coche, díxenlles que non tiña cartos e non puiden mercarlles nada, sentinme un pouco mal porque si que tiña mais só un billete moi grande e non tiuñan cambio. Paramos outra vez na casa da familia da súa muller, na das fotos dos rapaces do outro día e cenamos "achi", que é a masa da que xa vos falei con sopa e pescado (estes comen ata as espiñas), chegada ao hotel e a sobar.

Martes, por fin vou comezar a facer algo, como de costume quedamos ás 10:00 mais ata as 12:00 nada. Imos á obra e explícame os cambios que quere facer no proxecto inicial, unha fotiño do que xa está feito.


De paso cóntame que na mesma parcela quere facer a súa casa e a ver se lle podo facer os planos, un pouco carota mais vouno facer pois gústame, pero tampouco me vou a dar prisa neso que viñen para outra cousa.
Por fin un pouco de natureza, paseíño por uns petoutos moi guapos.


De alí imos cara a casa de David a comer, imos mellorando a relación penso, eu enténdoo mellor e el fala máis a modo. Guiso de terneira con patacas, despois da comida explícame que ten alí un terreo no que quere montar unha residencia de estudantes (está no medio da zona universitaria) e que sen plano non pode facer nada, este vai aproveitar a miña estancia aquí, fágoo de bo gusto. Medición e visita a unha residencia que están facendo ao lado para coller ideas.
De alí intentamos sair por mil camiños embarrados, despois de mil voltas saímos.


Déixanme en Bambui, a uns 2 km do hotel e decido voltar dando un paseo, merco un alargador e unha libreta que me facían falta, un tipo grítame ao modo africano que vaia canda el mais paso de todo, tiro millas.



Hoxe mércores, David marcha cara Douala, xa estou á miña completa bola, tomo un té de limón e arranco a Bamenda en taxi, lección: nunca vos subades no asento de diante pois aquí súbense ata 6 persoas ademáis do taxista, polo que pode ser que teñas que ir sentado sobre o freno de man e cos baches que hai non vexades o cómodo que se vai. 
Chego á vila e vou directo a mercar o pincho para conectarme, merda non aceptan tarxetas de crédito e non trouxen os suficientes cartos, deixo unha señal pois hoxe xustamente remata a promoción que fai que sexa máis barato.
Paso pois á búsqueda do tan ansiado mapa do país, pregunto en varias "librerías" na rúa, nunha delas intentan meterme un mapa de colexio por 5000 francos, uns 7.50 €, tamén pregunto para cambiar cartos pois recordo que levo algúns dólares enriba, intentan darme o pao outra vez. Á fin chego a unha librería de verdade e, teño mapaaa!!!! por só 4000 francos.
Continuo a búsqueda dun sitio para cambiar a atopo non sei se foi o mellor troco mais precisaba os cartos, 1$=400 francos, collo o meu pincho e pillo un taxi cara o hotel, ou eso pensaba eu, pois resulta que non hai un só Mile 6 e estou noutra estrada, o taxista explícame como voltar así que collo outro taxi de volta ao mismo sitio onde collera o anterior. Alí collo outro taxi cara Bambili, quedara ás dúas na obra coa xente que vai executar o tellado, 1 hora para facer 12 km!!!!
Bueno como quedara ás dúas decido subir a patas e chegar a e media (ritmo africano), de camiño crúzome como con uns 300 militares (estaban entrenando non pasaba nada, pero de primeiras...), comeza a tormenta de tódalas tardes, menos mal que viñen equipado, botas chuvasqueiro.
Como me imaxinaba chego a e media e alí ninguén, chamo e dinme que veñen, chove e claro non hai tellado pois son eles os que o teñen que facer, aproveito para facer medición que farán falta máis adiante.
Á fin chegan (aquí quédase a unha hora mais para chegar unha hora e media despois), boa xente, escúsanse, falamos da mellor forma para executar o tellado, vese que saben do que falan pois os problemas que lles ía plantexar xa mos van resolvendo sen dicirlles nada, e como eu pensaba.
Baixo con eles e convídoos a unha cervexa no hotel, pregúntolles se podo visitar a empresa e quedamos para o luns, botamos unhas risas.
Hai un rato chamei o taxista que me recomendou Popi e a unha das persoas ás que lle teño que facer entrega de ordenadores e demáis, apareceu por aquí, outra cervexiña e cena, plátano frito (en aceite de cacahuete) con arroz e unha salsa de tomate, riquísimo. Conversa co xefe que me convida a ir o domingo á súa igrexa, acepto e un ratiño con Belinda, igual vou con ela o domingo a Yaundé pois ten unha irmá alí e me pode guiar, e así comezo coa miña investigación.

Nada máis por hoxe, boas noites e un saúdo a todxs!!!








1 comentario:

  1. Que beeen!! Boa adaptación ao medio jaja, allá donde fueres haz lo que vieres! Encántame cando pos: a ritmo africano :) Asiq xa tes pincho e mapa... a voar polo aire e polo país adiante! Un bicoo!!!

    ResponderEliminar